Tuesday 07 de May de 2024

A ITV da maquinaria agrícola pasará inspeccións en Santa Mariña e Igrexafeita no mes de abril


A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volverá a San Sadurniño nos próximos días “pasarlle a revisión” aos tractores e outra maquinaria agrícola. A ITV permanecerá ao pé da igrexa de Santa Mariña do Monte durante toda a xornada do xoves 7 de abril atendendo en horario partido de mañá e tarde. Dúas semanas despois, os días 20 e 21, trasladarase á pista polideportiva da Torre, en Igrexafeita, o primeiro día atendendo pola mañá e pola tarde e o segundo só pola mañá. Hai que pedir vez a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com.

Os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas, teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é anual.

Ademais de levar a documentación do vehículo, antes de ir á inspección é moi recomendable comprobar na casa que todos os dispositivos de sinalización -intermitentes, luces, rotativo, claxon- funcionan correctamente. Tamén hai que revisar o estado das placas de matrícula e de velocidade e, sobra dicilo, asegurarse de que o tractor frea, aínda que despois sexa o persoal da estación quen verifique que os parámetros estean dentro dos límites permitidos.

A ITV en Santa Mariña, en Igrexafeita e en máis sitios preto de nós
En Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o 7 de abril entre as 9 e as 13:30h e desde as 15:15 ata as 18:00h.

A Igrexafeita a estación móbil chegará o 20 de abril e situarase na pista polideportiva da Torre. Ese día revisará maquinaria entre as 9 e as 13:30h e de 15:15 a 18:00h. Ao día seguinte, 21 de abril, a ITV só atenderá pola mañá.

A vez pode pedirse chamando ao 902 309 000 ou a través da web www.sycitv.com. Tamén se pode probar sorte calquera desas xornadas por se lles quedase algún oco libre, aínda que non é o máis aconsellable. Segundo informa SyC-ITV Applus na súa web, a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Ademais das inspeccións en Santa Mariña e Igrexafeita, a estación móbil tamén acudirá a outros puntos próximos que quizais lles cadren mellor a algunhas persoas usuarias. O 6 de abril estará ao pé da estación de servizo da Cooperativa de Vilaboa, o 8 de abril no recinto feiral de San Ramón e o 22 de abril no campo da festa de Pedroso, en todos os casos en horario de mañá e de tarde.

Pola vosa seguridade e a das demais persoas
A revisión é unha especie de purgatorio polo que ninguén quere pasar nin tampouco pagar, pero non está de máis ter en conta que tamén é o lugar onde poden detectar calquera problema grave que lle afecte á seguridade. Un tractor que non frea ben, coas rodas lampas ou coa dirección frouxa é un perigo para quen guía pero tamén para outros vehículos e persoas que circulan pola vía.

Ademais -segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST)-, o tractor segue sendo o principal foco dos accidentes na actividade agrogandeira. O primeiro que vén á cabeza son os relacionados cos enganches fortuítos con tomas de forza en funcionamento e mal protexidas, pero o certo é que a maioría das desgrazas seguen producíndose por envorcamento, xa sexa por non dispor de dispositivos de protección axeitados, por non usalos de maneira adecuada ou por un exceso de confianza.

Segundo o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor. Dous deles foron mortais e a maioría, o 90%, de tipo leve. Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade, pero tamén a unha nula ou incorrecta utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores desde hai uns anos.

Na web do ISSGA hai cumprida información sobre como previr accidentes, resumida neste folleto descargable ao que non está de máis botarlle unha ollada.